cabecera cuadrada

Efemérides

Coral Polifónica Estradense

DATAS IMPORTANTES

(Facendo clic nos enlaces - palabras en azul - accédese a documentos gráficos)

Aínda que nun colectivo tódolos intres da súa historia deixan pegada, sempre hai unhas datas que teñen máis relevancia ca outras. Así poderíamos resumir aquelas que máis importancia tiveron na traxectoria da Coral Polifónica Estradense. A isto convén engadirlle o traballo diario (dous ensaios á semana: un por cordas e outro xeral) que sen el, non sería posible esa progresión satisfactoria e o amplo repertorio do que dispón.

29 de xullo de 1997 .- Despois de un ano de ensaios, faise a Presentación oficial da Coral Polifónica Estradense na igrexa parroquial de San Paio da Estrada. Significa a súa posta de largo e actúan como padriños a Coral Polifónica de Soutomaior e a Agrupación Coral "Pazo de Oca".

1997 (novembro).- Realízase a  primeira saída da Coral Polifónica Estradense fóra dos lindeiros municipais, aínda que tan só fora á Arcade para acompañar á nosa madriña, a Coral Polifónica de Soutomaior, que presentaba a súa primeira gravación.

1998 (maio).- Día das Letras Galegas. Estrea da misa en galego, de Ángel Viro na igrexa parroquial de San Paio da Estrada. A Coral Polifónica Estradense non só cultiva repertorio profano, tamén o relixioso. A partir de aquí moitas actuacións e saídas da Coral foron para cantar a Misa.

1998 (novembro).- Primeira gravación para un programa de TV, concretamente para "Galicia Enteira" da RTVG, cadrando co San Martiño. A actuación foi gravada na alameda municipal ao ár libre: nova experiencia tamén para a Coral Polifónica Estradense.

1999 (maio) .- Gravación para a Radio Galega realizada na capela de San Antón do Pazo de Oca, na que se gravaron trece obras do noso repertorio.

1999 (xuño).- Primeira saída coa Misa fóra da Estrada. Pode parecer insignificante, pero foi para o Corpus de Ponteareas, berce do autor, Ángel Viro, quen persoalmente felicitou ao director, Xabier Comesanha.

1999 (novembro). - Primeira actuación conxunta da Coral Polifónica Estradense coa Banda de Música Municipal da Estrada na igrexa parroquial e con motivo de Santa Cecía. A partir de aquí, as actuacións conxuntas fixéronse habituais. Hai que ter presente que o director da Coral Polifónica Estradense é tamén o director da Banda de Música. Isto levou tamén a ampliar os xéneros do repertorio cara os Coros de Ópera e Zarzuela e non pecharse tan só nos concertos "a capela".

2000 (outubro). - A Coral Polifónica Estradense foi seleccionada para participar na II Mostra de Corais, organizada polo IGAEM, "Galicia Cantat 2000". O concerto foi en Lugo e significou tamén a primeira saída fóra da provincia de Pontevedra. A partir de aquí, a Coral seleccionouse en varias ocasións para participar no programa da Xunta de Galicia.

2001 (xuño).- Estrea no Teatro Principal da Estrada dos concertos de coros de Ópera e Zarzuela, acompañados da Banda de Música. Este xénero gustou ao público e estase a celebrar cada ano. Despois dos dous primeiros concertos deste xénero (coincidentes coas Festas Patronais), acompaña aos grupos estradenses, a madriña de Soutomaior (dirixida tamén por Xabier Comesanha), facéndose xa famosos os Concertos de Fin de Ano.

2003 (outubro).- Se o ser seleccionados para participar en "Galicia Cantat" é unha honra, moito máis ser elixidos para a clausura do programa deste ano. A actuación foi no Auditorio de Galicia de Santiago.

2004 (abril).- Prodúcese a primeira saída da Coral Polifónica Estradense ao estranxeiro, concretamente ao noso veciño Portugal, grazas a un convenio asinado con "Xacobeo 2004" e que levou consigo tres actuacións no pais veciño e algunhas vilas galegas.

2004 (decembro).-Concerto de Fin de Ano con motivo da presentación do 1º CD con pezas de Ópera e Zarzuela, gravado en directo, acompañados da Coral Polifónica de Soutomaior e a Banda de Música Municipal da Estrada.

2005 (maio).- Primeira actuación nun programa de TV, concretamente no programa Luar da RTVG, con motivo da Festa do Salmón da Estrada.

2006: X Aniversario da fundación da Coral Polifónica Estradense, que se conmemorou cunha exposición, un concerto conmemorativo da presentación oficial e coas saídas ao estranxeiro, como foron París e La Habana.

2006 (xaneiro). - Primeira participación en certames internacionais, concretamente no XII Encontro Internacional de Canto Coral, organizado pola asociación Music & Friends e que este ano se celebraba en París. As actuacións foron no Pazo da UNESCO e compartiuse escenario con grupos de Alemania, Suíza, España (Cantabria), Italia, República Checa e, por suposto, Francia.

2006 (xuño). - Exposición na Sala Caixanova da Estrada conmemorativa do X Aniversario da Coral. Unha verdadeira "Historia da Coral en imaxes".

2006 (outubro). - Conmemoración do X Aniversario no Teatro Principal da Estrada coa presenza e participación dos padriños: Coral Polifónica de Soutomaior e Agrupación Coral "Pazo de Oca".

2006 (decembro). - Primeira saída do continente europeo e tamén a primeira vez que se utilizaba un transporte diferente a Autocares García. Destino : La Habana (Cuba). Ademais da celebración do X Aniversario da Coral Polifónica Estradense, conmemorábase o 99 aniversario da estrea do Himno Galego en La Habana. Actuacións no ISA (Instituto Superior de Arte), Centro Hispano-Americano de Cultura, "Sociedad Artística Gallega-Concepción Arenal" e, como non podía ser menos, Centro Gallego de La Habana.

2007 (xuño). - Estrea no Teatro Principal da Habanera "Cen anos hai", conmemorativa do Centenario do Himno Galego e nacida do compromiso adquirido en Cuba de homenaxear deste xeito o himno de Galicia. Os autores da obra: o director da Coral, Xabier Comesanha (música) e o profesor e compoñente da Coral, Xosé Mª. Lema (letra). O acto, que contou coa presenza das agrupacións locais, serviu tamén para homenaxear con certa anticipación (sería o 20 de Nadal) o I Centenario da estrea do Himno Galego.

2007 (decembro).- Xira por Europa da Coral Polifónica Estradense (con Autocares García, por suposto) e participación no IX Festival Adviento Coral de Praga. Fixemos escala en Suíza e actuamos en Xenebra, concretamente na Casa Galega de Tordoia e na Asociación "A Nosa Galiza". En Chequia actuouse na Sala Hlahol e na Praza Vella de Praga, compartindo escenario con agrupacións de alemanas, italianas, irlandesas e, por suposto, checas. Neste evento internacional, a Coral Polifónica Estradense foi a única participante do estado español.

2008.- No mes de agosto estreouse e fíxose público o Himno de Moreira, xuntamente coa Banda de Música Municipal da Estrada. Pode parecer un dato non moi relevante, pero a Coral pasou a formar parte da historia desta parroquia. Despois desta actuación xantouse na Praia Fluvial . A Coral Polifónica Estradense, xuntamente con outras sete, inaugurou tamén, no mes de decembro e no Teatro Principal de Pontevedra, o I Festival de Corais, organizado pola Deputación Provincial. Aínda que foi por sorteo, queda a "honrilla" de participar no primeiro festival.

2009.- Durante unha fin de semana da primavera deste ano a Coral Polifónica Estradense "enclaustrouse" na capela do Pazo de Oca para facer a gravación, nunca mellor dito "a capela", de quince cancións galegas e dúas con acompañamento da Banda de Música Municipal da Estrada, co obxectivo de editar, posteriormente, un CD. Por segunda vez,  no verán,  "exportouse" o espectáculo de "coros de zarzuela" ao aire libre. A primeira foi no entorno incomparable do castelo de Soutomaior (2007) e nesta ocasión no Multiusos de Arcade , coa Banda a distinto nivel, como nos teatros tradicionais. O ano pechouse, como non podía ser menos, co Concerto de Fin de Ano no Teatro Principal, no que se estrearon e recuperaron pezas dos Coros de Ópera, para presentar o segundo CD de Coros de Zarzuela.  Uns días antes celebrouse unha xuntanza arredor dun cocido no Restaurante de Albino, como tampouco podía ser menos.

2010.- Este ano transcorreu sen pena nin gloria, coa normalidade máis absoluta: ensaios e actuacións. Rompeu un pouco a monotonía do colectivo o aniversario das vodas de prata de Lucía e Ricardo , compoñentes da Coral Polifónica Estradense desde a súa fundación: eles quixeron estar con nós e nós con eles, por iso os acompañamos na cerimonia relixiosa. Na última actuación, no concerto de Fin de Ano (30-12-10) as mulleres estrearon o novo uniforme. O ano rematámolo todos xuntos (os músicos, os de Soutomaior e nós) no Gran Vía, como non podía ser doutro xeito.

2011.- Este ano empezou do mesmo xeito que rematou o anterior: todos xuntos. O concerto na Casa da Cultura de Cerdedo (08-01-11) e a cea en Soutelo de Montes . En pleno verán, concretamente o 28 de agosto, a Banda Municipal de Música celebrou a súa tradicional Festa da Praia Fluvial , á que se uniu a Coral. Non hai moito máis que suliñar, a non ser a actuación nun programa especial da TVG , adicado a  Juan Pardo no que interpretamos "Campos de Remesar", adaptada para coral por Xabier Comesanha. O ano rematou batindo o record de 15 actuacións, precisamente o ano que cumprimos 15 anos.

2012.- Non resultou un ano moi prolífico en actuacións (10 en total), pero tampouco foi un ano pobre, pensando que a marca está en 15 actuacións. Aínda así estreáronse seis novas cancións. Desde o punto de vista do colectivo, resaltar o casamento da soprano María José Soto o 28 de abril a quen se acompañou e  cantou nunha emotiva cerimonia relixiosa. Destacar, desde o punto de vista coralístico a presentación do libro de Neira Vilas "100 anos do himno galego" no que fai referencia á Coral Polifónica por ser a primeira en homenaxear o centenario do Himno Galego e adicarlle unha Habanera, composta polo director  Xabier Comesanha e letra do baixo José María Lema. O ano rematou co xa clásico Concerto de Nadal.

2013.- Neste ano hai que destacar, no mes de marzo, a viaxe a Oliveira do Bairro, preto de Aveiro, onde se pernoctou e tamén se fixo turismo pola "Venecia portuguesa" e a participación no II Festival de Habaneras, organizado pola Deputación provincial de Pontevedra, compartindo escenario cunha ducia de agrupacións. Namentras, o máis reseñable do ano, ao parecer do que escribe, foi o empece da renovación xeneracional, entrando seis novas voces femeninas (cinco sopranos -Alba, Uxía, Lucía, Taida e Sabela-  e unha contraalto -Lucía), que aportaron xuventude especial ao colectivo, que desexa sigan as incorporacións de xente moza.

2014.- Neste ano hai que resaltar, no mes de outubro, tamén a viaxe ao interior de Portugal, concretamente a Resende-Viseu, invitados pola súa Coral, que cadramos con ela na viaxe de Oliveira do Bairro. Aproveitamos tamén a viaxe para facer turismo, concretamente á volta, por Oporto. Outra actuación a destacar, anterior a esta, foi a misa (o día do Apóstolo) en San Domingos de Bonaval, con motivo da ofrenda floral a Rosalía de Castro. Segue sendo moi motivador para o colectivo e atraínte para o público o clásico Concerto de Nadal, no que sempre se incluen novedades, ademais das propias estreas.

2015.- Pode decirse que este ano pasou sen pena nin gloria e moi pouco que resaltar, a non ser a estrea do Himno do Club Deportivo Estradense no recentemente estreado campo municipal de fútbol no recinto da Academia Galega de Seguridade. Suliñar, por outra banda, a estrea no Concerto do Salmón de "Eu ben quixera", canción composta por Xabier Comesahna con letra de Xosé María Lema con motivo do Centenario da As. "Hijos del Ayuntamiento de la Estrada" de La Habana. As actuacións deste ano (10 en total) enmárcanse dentro da media xeral da Coral.

2016.- O máis destacable deste ano foi a colaboración musical que tivemos, xunto coa Coral Polifónica de Soutomaior, coa Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela. O concerto enmarcábase dentro da programación cultural municipal dos "Ciclos de Primavera" a celebrar no Teatro Principal de Santiago e compúxose de dúas partes. Na primeira interpretouse a zarzuela completa de La Gran Vía e na segunda unha serie de pezas soltas de diversas zarzuelas. Experiencia moi gratificante.

2017.- Con motivo da remodelación da Casa da Cultura en Casa da Música, estreamos novo local. Agora dispoñemos dun local exclusivamente para nós no segundo andar. Este ano celebramos o XX Aniversario da nosa presentación e celebrámolo coa edición dun novo CD (o 4º da nosa historia) e un Concerto de Nadal especial. O CD reproduce a gravación en directo do Concerto de Nadal do ano anterior. O Concerto de Nadal deste ano foi especial e moi emotivo porque se fíxo un repaso da historia da coral con proxeccións fotográficas, interpretación de cancións de tódolos estilos e épocas do noso repertorio e, sobre todo, porque contamos coa presencia de moitas e moitos excompoñentes que nos acompañaron no escenario (cantando) e tamén no público. Algunhas e alguns reincorporáronse de novo á Coral.

2018.- Moi pouco que salientar neste ano que pasou sen pena nin gloria, como se pon de manifesto no número de actuacións (seis en total).

2019.- Tampouco moito que suliñar, a non ser o novo retoño que trouxeron a este mundo Zaida e Javier.

2020.-  Resultou ser un ano aciago. O 14 de marzo declarouse a pandemia a causa do COVID-19. Suspendéronse os ensaios e as actuacións previstas ( Budiño, Concerto do Salmón, Misa de San Paio, Carballo, etc.). Ao suavízarse as restricións da pandemia, o día 15 de xuño reanudáronse os ensaios. Como non se podía exceder de 15 compoñentes, houbo que facer 3 grupos (Coral I. Coral II e Coral III). Máis ou menos iguais en número pero compensadas as voces. Os tenores (ao ser só tres) tiveron que pertenecer ás tres corais e dous baixos tamén se duplicaron. Fíxose o Concerto de Outono do mesmo xeito atípico que os ensaios: gardando as distancias, con máscara e en tres grupos diferentes. En novembro suspendéronse de novo os ensaios.

2021.- O 19 de abril reanúdanse os ensaios, menos atípicos: xa pudo facelo toda a coral pero seguindo coa máscara e a distancia interpersonal.

2022.- Foi un ano bastante prolífico en canto a actuacións se refire. O record témolo en 15 actuacións anuais (no ano 2011) e neste chegouse ás 14. Celebramos o 25 aniversario da nosa presentación e para non ser menos celebrámolo cun cocido (o 17 de novembro) no Gran Vía. Por fín este ano aconteceu algo sorprendente: as mulleres puxéronse de acordo para facer un novo uniforme, pois levaban anos intentándoo. Levoulles tempo, pero a  verdade é que o producto final resultou bonito. Estreárono no concerto de Cuntis (18-09-22).